Tuesday 21 de May de 2024

A Coruña acollerá o 25 e 26 de novembro unha nova edición do Torneo do Eixo Atlántico de hóckey a patíns


A competición contará coa participación de 12 equipos galegos e portugueses de categoría infantil

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá unha nova edición do Torneo do Eixo Atlántico de hockey a patíns. O torneo de categoría infantil reunirá a equipos galegos e portugueses na súa XI edición e que terá lugar na fin de semana do 25 e 26 de novembro.
“Este torneo ten un grande atractivo para a nosa cidade e, por iso, reuniremos neste Palacio dos Deportes aos mellores equipos da nosa comunidade e de Portugal”, sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou a alta participación, con 12 conxuntos que se distribuirán en catro grupos de tres equipos e disputarán os seus encontros no propio Palacio dos Deportes e no polideportivo de Monte Alto.
“Esta competición é xa un referente deportivo de categorías inferiores en Galicia e Portugal, e A Coruña ten a honra de acollela desde os seus inicios”, sinalou Castro, que estivoacompañado no acto que tivo lugar no Palacio dos Deportes de Riazor por Filipe Taveira, responsable do departamento de Programas e Cooperación do Eixo Atlántico. “Non só é deporte senon tamén é unha ferramenta para inculcar e transmitir valores e intercambiar experiencias e fortalecer lazos entre as distintas comunidades”, apuntou o concelleiro.

O Goberno de Inés Rey continúa a apostar pola programación na cidade de competicións deportivas de categorías inferiores de gran prestixio e que atraian a un gran número de
participantes e persoas vinculadas aos diferentes equipos. O sábado 25 disputarase a primeira fase, que enfrontará aos equipos dos catro grupos resultantes do sorteo realizado hoxe. Xogaranse dous tempos de 20 minutos cun descanso de 5 minutos. O domingo xogarase, no Palacio dos Deportes, a fase final cos equipos gañadores dos catro grupos.

O sorteo, no que tamén participou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, deu como resultado os seguintes grupos e sedes:
Grupo A (Palacio dos Deportes)
● Hóquei Clube de Barcelos (Barcelos)
● BIG MAT CREA Escola Lubiáns (Carballo)
● CH Compostela (Santiago)
Grupo B (Palacio dos Deportes)
● Club Compañía de María (A Coruña)
● Famalicense AC (V.N. Famalicao)
● Hóquei Clube de Maia (Maia)
Grupo C (Polideportivo de Monte Alto)
● Associaçao Desportiva de Valongo (Valongo)
● H.C. Deportivo Liceo (A Coruña)
● C. Hóquei dos Carvalhos (V.N. Gaia)
Grupo D (Polideportivo de Monte Alto)
● Club A. A. Dominicos (A Coruña)
● ADC Gulpilhares (V.N. Gaia)
● Santa María del Mar (A Coruña)